Aproveitamos que este mes é #MarzoAsiático (iniciativa comezada pola booktuber Magrat Ajostiernos), para falar de cómic asiático nesta terceira sesión do club de lectura de cómic. E aínda que as nosas lecturas foron principalmente de manga (cómic xaponés), tamén houbo espazo para algún manhwa (cómic coreano) e ata un manhua (cómic chinés).

A industria do cómic xaponés é unha das máis potentes do mundo. Básease dende os seus comezos nas revistas recopilatorias, que posteriormente darán lugar aos tomos pequenos que coñecemos. En España hai uns anos que a revista Planeta Manga, dispoñible na nosa biblioteca, trata de imitar este modelo que non é descoñecido para quen vivíu o auxe das revistas de cómic no noso país nos 70 e 80.

Como veremos nas lecturas que imos comentar, a temática do manga é moi diversa. Hai de case todos os xéneros e a estética é moito máis diversa do que inicialmente pensamos. Tradicionalmente existe unha clasificación demográfica que vai caendo no esquecemento xa que todo se mestura. O mesmo que as súas formas de narrar e estética están a influenciar dende hai décadas ao cómic occidental.

E agora imos ver que obras trouxeron as persoas integrantes do club! Se pinchades nas imaxes accederedes ó catálogo cos exemplares que temos na rede.

Ataque a los titanes / Hajime Isayama – Un éxito dos últimos anos. Historia fantástica nun mundo fantástico dominado por unhas criaturas colosais que comen a quen teñan diante. Non o poderás deixar de ler.

Atelier of Witch Hat / Kamome Shirahama – Por unha serie de circunstancias, Coco deberá a formar parte dunha escola de maxia para axudar á súa nai. Os vínculos que establece coas súas compañeiras serán vitais para ela. Para ser feliz.

Boy meets Maria / Peyo – Nesta atípica historia de amor nada é como semella nun principio. Choca un pouco dende occidente como se trata o tema da transexualidade dun dos protagonistas. Isto resulta interesante para comparar visións diferentes segundo culturas tan distantes.

La ciudad al atardecer / Fumiyo Kouno – Como foi a vida posterior da xente de a pé na zona de Hiroshima? Dura e confusa, chea de negación ante a xente que vai morrendo ante a radiación.

¡Corre, Bon-Gu! / Byun Byung-Jun – Manhwa que relata a busca dunha nai e o seu fillo na busca do seu home pola cidade. Aínda que nun principio semelle que non ocorre nada, hai moita crítica social no fondo.

Gigantomaquia / Kentaro Miura – Interesante obra fantástica do autor da xa mítica Berserk, con algunha referencia á mitoloxía clásica occidental. Desgraciadamente ésta non a temos dispoñible na rede.

Hokusai / Shotaro Ishinomori – Un repaso polas idades do famoso pintor xaponés, acompañándoo na busca do seu estilo. Chamounos a atención que a imaxe que transmite é a dun señor moi enfadado. Por que sería?

Innocent / Shinichi Sakamoto – Manga histórico sobre unha familia de verdugos durante a Revolución Francesa. Cun debuxo impresionante. Tampouco está (aínda) dispoñible na rede.

Menstru: tu amiga fiel / Ken Koyama – Aborda o tema da menstruación dunha maneira divertida, cómica, pero sen deixar de expoñer a realidade.

Metamorfosis BL / Kaori Tsurutani – Unha libreira faise amiga dunha clienta maior coa que comparte o seu interese polos mangas BL (Boy’s Love, amor entre rapaces). Dos mangas que che fan feliz.

Miss Hokusai / Hinako Sugiura – De maneira paralela ao anteriormente mencionado Hokusai, esta recopilación de historias curtas dalle ó protagonismo a unha das súas fillas. Destaca no seu emprego de diferentes estilos de debuxo.

My broken Mariko / Waka Hirako – Dura historia de traumas xuvenís, do pasado que nos fai dano e dos remorsos que quedan polas cousas que quedaron por facer.

Pesadillas / Katsuhiro Otomo – Poderíase considerar unha anticipación ao clásico de Otomo Akira. Relato de ciencia ficción nun futuro apocalíptico.

Primavera azul / Taiyo Matsumoto – Un novo recopilatorio de historias curtas, nesta ocasión cunha estética sucia, como de fanzine. Bastante alonxado do que estamos acostumados a imaxinar como manga. Tampouco dispoñible polo momento na rede.

20th Century Boys / Naoki Urasawa – Historia de intriga na que os protagonistas deberán descobrer quen é “Amigo” antes de que remate con todo o mundo. Para non deixar de ler.

Una vida en china / P. Ôtié e Li Kunwu – Manhua en tres volumes que ofrece un valioso testemuño de como se viviu a época da Revolución Cultural china.

Your name / Makoto Shinkai e Ranmaru Kotone – Una rapaza e un rapaz espertan en días alternos no corpo do outro. Pouco a pouco irán coñecéndose e namorándose. Historia fantástica con final aberto.

Yuko / Ryoichi Ikegami – Recopilación de historias de perversión e morte nas que sempre aparece unha muller. Non deixa indiferente polos temas tratados nin pola técnica de debuxo do autor.

E ata aquí a maior parte dos cómics dos que falamos onte. A próxima sesión será o día 27 de abril e, aproveitando que o 23 é o Día do Libro, imos adicala a cómics que adaptan novelas. Por aquí vos deixamos as nosas suxerencias iniciais (tamén dispoñibles na nosa conta de Calameo).