Hai moito tempo que na biblioteca contamos cun club de creación de cómic para a rapazada coordinado por Yago García. Ao mesmo tempo as comictecas de infantil e adultos están a medrar máis e máis a cada ano que pasa. É por iso que finalmente decidimos que o seguinte paso lóxico era organizar un club de lectura de cómic.

Pero ollo: non se trata dun club tradicional onde todas as persoas participantes deban ler a mesma obra, senón que optamos por unha modalidade temática seguindo o ronsel do club de lectura de cómic da Biblioteca Juan Compañel de Vigo. Así, cada mes imos propoñer un tema e cada participante elexirá unha obra que deberá levar e comentar na reunión seguinte.

Nesta sesión inaugural, para ir quentando motores, o tema escollido foron os cómics editados en 2020 (na nosa conta de Calameo atoparedes unha selección das obras suxeridas por se lle queredes botar un ollo). Imos a ver agora cales foron eses cómics que destacamos, e recomendamos, onte:

Microalgas, de Xulia Pisón. Un cómic xuvenil e divulgativo. Lése moi rápido e axuda a comprender un tema do que normalmente non temos moita información. Contou con asesoramento dun equipo científico.

Verdad, de Lorena Canottiere. Cómic histórico sobre unha anarquista italiana na Guerra Civil española. Destacamos o seu valor estético, cunhas cores rechamantes cheas de expresividade.

No te vayas sin mí, de Rosemary Valero-O’Connell. Recopilatorio de tres historias que van entre a ciencia ficción e a fantasía. A paleta de cores para cada unha das historias resulta especialmente delicada.

Carne de cañón, de Aroha Travé. Unha volta ó espíritu do cómic underground dos 80 pasado polos novos temos. Unha especie de “Manolito Gafotas coñece El víbora”. Historias de nenos nun ambiente poligonero que che farán rir.

Finalmente, aquí deixamos tamén algunhas das obras das que estivemos a falar na introducción ó club por se alguén se anima. Lembramos ademais que aínda quedan prazas no club, así que se vos interesa o tema, apuntádevos! Temos unha cita o terceiro mércores de mes (aproximadamente) ás 19:00 h. A seguinte será o 16 de febreiro e consistirá nunha introducción ao cómic europeo.