Fernando Valcárcel González (Ourense, 1976 – ) presentou hoxe na biblioteca o seu libro de investigación. Licenciado en Dereito e funcionario do Arquivo Municipal, Gran hotel Roma é o seu segundo libro. O primeiro, gañador do premio Raigame 2010 cunha investigación sobre Rianxo, non saíu á luz.

¿Por que decidiu comezar a investigar sobre o hotel Roma?

F.V.G.: Penso que era algo necesario porque non había nada sobre o tema. Era un estudo en profundidade sobre unha industria ourensá que non había.

Tal como recolle o seu libro, a principios de século houbo un Hotel Roma en cada unha das principais capitais de provincia da península. Vostede argumenta que Roma transmitía elegancia e distinción. ¿Por que se transmitiu dun xeito tan obsesivo e xeneralizado na mente colectiva a equiparación de Roma con glamour, e non con Londres ou París, por exemplo?

F.V.G.: Había tamén París, e Londres, e Barcelona. Todos os negocios tiñan nomes estranxeiros. Escapábase do autóctono, incluso había nomes en idiomas estranxeiros.

No libro aparecen moitas imaxes do hotel. No centro da fachada principal aprécianse coroas de laurel como as que lucían na fronte os emperadores romanos. ¿Cre vostede que o imperio romano impregnaba dalgunha maneira o espírito deste hotel? ¿En qué máis detalles o poderiamos apreciar?

F.V.G.: Era un lugar de culto, de reunión, de ocio. Para min, un lugar senlleiro de Ourense dos anos vinte e trinta. Por dicir algo, igual o esplendor de Galicia que se viviu nese inmoble.

Con respecto ao final do hotel, vostede comenta que había présa por vendelo en 1963, pero non comenta por qué. Como amplo coñecedor e investigador do mesmo, ¿non ten ningún indicio, ningunha sospeita persoal de por qué un hotel de tanta sona se quixo traspasar de dono con tanta celeridade?

F.V.G.: Morreu Ernesto García, que era o dono. Había once herdeiros e non chegaron a un acordo cos posibles compradores. O prezo final foi unha mala venda para unha rúa tan céntrica como Progreso.

Hoxe en día quedan como vestixio da existencia deste hotel as Galerías Roma, na rúa Progreso. Actualmente estas galerías, construídas nos baixos do hotel a finais dos anos 60, atópanse tamén en declive. ¿Pensa que algún rico comerciante voltará a mercalas para construír algún outro proxecto coa mesma alusión a Roma? Ou será a decadencia final deste imperio?

F.V.G.: Penso que se non cambia o modelo de explotación están condenadas a desaparecer. Non era mala idea localizar alí asociacións de veciños ou culturais… Pero son baixos que non convidan a pasar.

Advertisements