Esta semana arrinca a transmisión do coñecido festival musical de Eurovisión xunto coas súas dúas semifinais, e para celebralo, adicámoslle esta entrada do blog a un libro que repasa os primeiros cincuenta anos do festival. Iniciado en 1956, a súa primeira emisión foi maiormente radiofónica xa que a televisión aínda non estaba xeneralizada no continente. Contouse con sete países participantes.

Hoxe, o número de países que se presentan sobrepasa a corentena, e constitúe un evento audiovisual que reúne a todo o continente ante o mesmo espectáculo televisivo. Unha circunstancia que, quitando as competicións de carácter deportivo, só fai posible este festival.

tipitipO libro de José Ramón Pardo fai unha análise, primeiro década por década e logo ano por ano, das circunstancias que rodearon a Eurovisión. Constitúe un estudio pormenorizado non só dende o punto de vista musical senón tamén histórico e antropolóxico. Ademais, adxunta un diccionario por artistas no que aparecen os seus nomes por orde alfabética xunto co país ao que representaron, o título da súa canción, o ano no que acudiron ao festival e os puntos que lles foron otorgados.

Eurovisión non só é un evento musical senón tamén histórico. Despois de máis de medio século, non só se esvaeceu senón que segue a xerar expectación, aínda máis que ao principio. As polémicas que rodean o festival, os estilos musicais que se presentan, as cancións que se converten en himnos e as que pasan completamente desapercibidas. A inmensa variedade deste festival, propiciada pola cantidade de culturas que participan, convérteo nun espazo de encontro coma poucos.

José Ramón Pardo recolle con tino o ambiente que foi suscitando Eurovisión no noso país ao longo da súa historia, reflectindo as reaccións ante as derrotas, a euforia nas boas épocas, e cómo dende a TVE se manexou a participación española no festival. Ofrece información que nos posiciona non só ante unha lista de nomes de intérpretes e títulos de cancións, senón tamén o que supuxo Eurovisión nas carreiras musicais dos cantantes e declaracións de cómo viviron eles esa cita histórica.

Advertisements