El amor siempre llama dos veces é a escusa perfecta para falar da autora ourensá de novela romántica por excelencia, a valdeorresa Mencía Yano (pseudónimo de Ofir Enríquez Noya). Coa chegada da primavera dámoslle un merecido espazo no blog da bibliotecaOfir maqueada ao romanticismo, que ata o de agora só tratamos de xeito histórico no artigo Vodas ourensás.

O pracer pola escritura acompañouna toda a súa vida e a súa carreira literaria comezou, coma a de moitos, escribindo en cadernos. Logo transformouse na creación dun blog en galego, e finalmente comezou a dar froitos en forma de libro en 2013, coa autopublicación de El invierno que nos cambió. Magnolias para Andrea , ao ano seguinte, foi a súa segunda novela publicada, a primeira cunha editorial. En 2015 viu a luz El amor siempre llama dos veces, unha historia de amor intenso capaz de desafiar e gañar ao tempo. En 2016, Mencía Yano publicou a novela curta con fins solidarios La noche del tren. 2017 viu cargado de novidades da autora, coa autopublicación do relato La nueva vida de Miranda e as súas dúas novelas Siempre fuiste mi Julieta e Vente conmigo al cielo.

A finais de 2018, elixe demostrar a súa versatilidade cambiando de xénero por un intre, e publica en galego Vacacións na aldea. Unha novela infantil na que os protagonistas son os seus dous netos, e que nos traslada a unha realidade carente de wifi no medio da natureza. Mencía Yano tamén é colaboradora habitual da revista Cè Chic. Para mentes Abiertas.

AMOR plurillamadorEl amor siempre llama dos veces trata a historia de Uxía e Manuel, dous protagonistas que comezan o seu amor de adolescentes e ao que lle volven dar vida xa pasada a temida e psicolóxica barreira dos corenta anos. É un libro especialmente destacable pola súa verosimilitude. Non se trata dunha novela ambientada en mundos de fantasía distópica, tempos históricos obsoletos ou universos paralelos, senón que é unha historia que transcorre no aquí, agora. Hai fillos, hai obrigacións laborais e crises de identidade. Facturas que pagar e corazóns que desexan voar e ser libres, loitando contra un “destino” imposto. Ademais, non faltan as escenas de amor erótico que demostran que a sensualidade non é patrimonio dunha idade ou características concretas, senón unha calor que xorde co desexo de conexión co outro. Nesta trama, desenvólvese o tema do amor como algo capaz de vencer e gañar ao tempo e de superar as barreiras, moitas veces autoimpostas.

Advertisements