Un autor que non foi tratado aínda neste blog, pero que debemos tratar pois conta cunha extensísima e vasta obra, é o sacerdote ourensán Eligio Rivas Quintas. A súa pluma escribiu numerosos libros acerca dos costumes e usos da realidade da provincia. Conta con obras antropolóxicas, como A videira e o viño; relixiosas, como El Santuario de Nuestra Señora de los Milagros; etnográficas, como Etnografía da antiga Galecia; xeográficas, como La ruta de la Arnoya; lingüísticas, como Dicionario etimolóxico da lingua galega; biográficas, como Orensanos ilustres, antiguos y modernos; botánicas, como A nosa flora… e un longo rosario máis de temas varios a tratar.

Como podemos ver, atopámonos ante un sabio renacentista. Un filántropo que, ademais, acudiu á biblioteca para doar moitas das súas obras. Na súa honra, realizamos hoxe a reseña do seu libro O ano festeiro.

festeiroCon máis de 300 páxinas, analiza pormenorizadamente os usos e costumes do pobo do noroeste hispánico con relación ás festas. Realiza un roteiro anual polas principais festas celebradas en Galicia (o magosto, o Nadal, entroido, Semana Santa, os Maios…). Tamén analiza varios aspectos relacionados coas festas católicas como romerías, exvotos, ramos de voda… (hai que entender a súa membresía da relixión católica e que esta foi a crenza imperante en Galicia durante séculos).

Ademais, ten un longo apartado no que fala das cántigas e bailes que amenizan as festas populares, asi coma outro adicado á música. Trata a muiñeira e as súas variantes, as foliadas, o fandango, a pandeirada… E analiza instrumentos dende a gaita ata o pandeiro, pasando pola zanfona, as frautas, as castañolas, os orgos… Trátase dunha obra moi completa onde se poderá atopar información sobre un sinfín de aspectos sociolóxicos relacionados coas nosas festas. Merece a pena botarlle unha ollada e contar con este libro coma unha obra de referencia das costumes festeiras do pobo galego.

Advertisements