Xa estaban na vellez os anos 90 cando vin, no imperecedeiro Luar da Televisión de Galicia, á nosa protagonista por primeira vez.

cris

Cos seus cabelos tinguidos de verde e as vivas cores da súa roupa, a rebuldeira gaiteira espertaba curiosidade empática no adolescente que eu era; aínda que nos meus maiores o sentimento era diametralmente oposto, ao entender que a xovialidade emanada da intérprete non era máis que unha falta de seriedade propia da xuventude. O tempo, implacable xuíz, ditou que aquela moza revolucionaria non estaba falta de talento e que as súas composicións chegaban pra darlle dinamismo a unha tradición que xa acumulaba demasiado pó sobre si.

Cristina Pato (Ourense, 1980) converteuse, estreando maioría de idade, na primeira gaiteira en publicar un disco en solitario. Nos comezos da súa carreira musical cobra importancia a banda ourensá Mutenrohi, pero pronto será máis coñecida pola súa producción como gaiteira solista, na que mostra en cada lanzamento como van medrando e madurando as súas virtudes creativas: ‘Tolemia’ (1999), ‘Xilento’ (2001), ‘The Galician Connection’ (2010), ‘Migrations’ (2013) e ‘Latina’ (2015). Ademais do enxebre instrumento, Cristina tamén destaca pola súa faceta como pianista, por exemplo en: ‘From Russia to Brazil’ (2006) e ‘Soas’ (2009), este último álbum compartido coa tamén galega Rosa Cedrón á voz.

Folk galego, músicas do mundo, jazz, música clásica e experimental, multitude de colaboracións, centos de actuacións en directo e xiras a nivel planetario. Non hai fronteiras na vontade de Cristina Pato por facer música, así como no seu perfecionamento teórico e práctico, chegando a doutorarse pola Mason Gross School of the Arts da Rutgers University (EE.UU.) e sendo docente na Universidade de Harvard. Na actualidade e dende fai uns anos destaca no currículum da gaiteira e pianista auriense a súa pertenza ao prestixioso grupo Silk Road Ensemble, creado polo famoso violonchelista Yo-Yo Ma, na que ten o orgullo de compartir escenario cunha multitude de artistas de gran talle mundial e cos que ven de gañar un Grammy no 2017.

O aquí recollido é tan só unha mostra da apaixonante carreira que Cristina Pato forxou en apenas 20 anos entre Galicia e os Estados Unidos, e o que queda por vir… dándolle a razón á mirada curiosa daquel adolescente de finais dos 90 e quitándolla aos xestos desaprobadores dos seus maiores.

Na Biblioteca Pública de Ourense temos varias obras que xiran arredor da figura de Cristina Pato. Para apreciar os seus comezos podedes facervos con algún dos discos da súa primeira banda, os ourensáns Mutenrohi como por exemplo:
Misturados ao Vivo (con Mutenrohi)

Se o que queredes é mergullarvos na súa carreira en solitario tedes estas alternativas:
From Russia to Brazil
Galicia no Fol (libro + cd)
The Galician Connection
Soas

E para profundizar na súa extensa traxectoria, escoitala súa música ou estar ao tanto das súas últimas novidades:

Páxina Web Oficial
Facebook
Twitter
Instagram
Youtube
Itunes
Deezer
Last Fm

Como é habitual nesta sección, lembrámosvos que se tedes un grupo e queredes enviarnos información sobre el podedes facelo escribíndonos neste formulario. Así mesmo se tedes unha maqueta ou disco e desexades compartilo cos usuarios da nosa biblioteca só tedes que enviarnos un exemplar a Biblioteca Pública de Ourense – Rúa do Concello nº 11, 32003 Ourense, ou traela persoalmente á nosa sede situada na dita dirección.

Por Miguel Cutrín Mosteiro

Advertisements