Ao baixar a rampa da sala de préstamo, poida que unha tea de bicicletas reclame a túa atención. É o noso centro de interese do fondo local. Un centro de interese é unha mesiña, un expositor ou un estante no que a biblioteca selecciona libros dun tema determinado. Por exemplo, os estantes de novidades son un centro de interese.

O que ten este de especial é que tódolos libros, cds musicais ou incluso películas pertencen ao fondo local; é dicir, teñen relación con Ourense. Pode ser por ter un autor ou autora de aquí, por estar aquí ubicada a súa editorial ou por tratar temas relacionados coa provincia.

 

Sabías que un dos principais monasterios budistas europeos está ubicado na nosa provincia? A fundación Chu Sup Tsang edita en San Amaro moitos libros escritos polo lama ven. Gueshe Tenzing Tamding e outros mestres budistas. Grazas á doación do monasterio, podemos colocar frecuentemente no noso centro de interese de fondo local libros sobre esta relixión.

Outra curiosidade que poida que igual che sorprenda é que un dos directores de cine español de moda nestes momentos sexa ourensán: Rodrigo Cortés, director de “Luces Rojas”, “Enterrado” ou “El concursante”, é nin máis nin menos que de Cenlle, pola zona entre Ribadavia e Carballiño, a mesma zona na que está ubicado o monasterio budista que mencionamos antes.

No fondo local tamén nos gusta poñer libros dos amigos de Círculo Poético Ourensán coma José Antonio Santos Guede, quen toca tamén o campo da novela. A poeta Carmen Ropero ten ademais un libro de memorias, “Pacientemente”, que fala sobre a súa experiencia como auxiliar de psiquiatría no xa pechado sanatorio de Toén.

 

O escritor Juan Tallón, quen colabora frecuentemente coa biblioteca; o prolífico Jorge Emilio Bóveda; a autora e editora Lizzie Quintas; a poetisa histórica Filomena Dato e as famosas literatas Pura e Dora Vázquez; o autor ourensán e internacional de banda deseñada David Rubín; o antigo redactor xefe da revista “Más Allá” Bruno Cardeñosa ou a filósofa Rebeca Baceiredo, tamén usuaria da nosa biblioteca… Todos eles son só unha mostra de todo o talento e a actividade cultural que se desenvolveu ou está a desenvolver dentro da nosa provincia, ou ben fóra pero por xente de aquí.

Como un só expositor non chega para ensinar toda a marabilla libraria que agocha Ourense, invitámosvos a que visitedes vós mesmos a sección de Fondo Local que temos aloxada no terceiro andar da biblioteca, na chamada Sala Galicia. Que poderedes descubrir? Animámosvos a que nos fagades saber os resultados das vosas pescudas.

Recordámosvos tamén que tedes pendente unha labor de adiviñación de textos de famosas obras literarias en galego, no noso concurso Atópame en galego. Cantos máis textos adiviñedes, máis posibilidades teredes de gañar! Moita sorte!

Ata a próxima!

Advertisements