Este ano, para celebrar o día das Letras Galegas, na Biblioteca Pública de Ourense preparamos un concurso moi especial. Consiste en adiviñar a qué mítica obra literaria galega pertence un (ou varios) dos textos que che presentamos a continuación. Quédate co número do texto (ou textos) que cres adiviñar, e acode ao mostrador da biblioteca. Alí ofrecerémosche un papel para que cubras a resposta correcta para cada texto xunto cos teus datos. Entre tódalas respostas correctas, sortearemos dous vales para comprar libros o 23 de maio. Tes ata o día 22 para participar. Moito ánimo! A continuación presentámosche os textos que podes xogar a adiviñar. Atréveste?

1 ∞ P- ¿Que cousa é estar sentado á direita do señor Alcalde?

R- Ter cuasamentes o seu anaquiño de mando, poder turrar da corda prós amigos, facer toda caste de falcatrúas ós contrarios, remexer nas trécoras do concello e sacarlle sustancia a tódolos nagocios que lle pasan pola mau.

2 ¤ CostureiriñaAtópame - texto 1

do carballal,

colle unha agulla,

colle un dedal;

cose os buratos

dese teu cós,

que andar rachadaAtópame - texto 2

non manda Dios.

Cose, meniña,

tantos furados

i hora non penses

nos punteados.

 

3 ∇ E sen sabere como, atopámonos na rúa do Instituto. Ó lonxe, por enmeio dela, víase vir vindo un municipal, a paso vagaroso. A rúa estaba alampada de luar e non podiamos atravesala sen sere ollados. Conque fúmonos deixando ir, dun en fondo, apegados á parte sombriza, i ó chegar frente ó adral da eirexa de Santa Eufemia, vimos que estaba aberta e metímonos nela coma ratos.

4 ♥ Se tes a ialma limpa e o corazón ceibe, non probarás desventuras na miña casa. Eso non. Alí serás servida e folgada, en todo canto apetezas. E dispois… cando eu morra, inda che quedarán anos dabondo para disfroitares do que eu che deixe, que non é un conto. ¡Son tan vello e tan rico!

5 ≥ Na xente había un movemento estraño. Algúns emprincipiaron a correr cara á parte de alá. O Alveiros quixo preguntar e non lle fixeron caso. A xente seguía correndo. O balbor ía medrando por instantes… A xente semellaba que non sabía se marchar ou quedarse… Sentiuse unha campaíña, e o automóbil dos bombeiros atravesou a praza coma unha centella, entre sustos e carreiras. Alguén entrou no salón de don Celidonio e dixo: ¡A Biblioteca Municipal está ardendo! A música emprincipiou outra tocata.

6 ♦ A singularidade daquela foto en branco e negro estaba en que Troncoso aparecía en camisa oscura, arremangada por riba dos cóbados, co matiz máis espectacular de saudar cun dos brazos á romana, nun dos moitos actos patrióticos daquel tempo.

7 ÷ Os comentarios dos veciños coinciden en que Ramón Vidal está comezando a ter serios problemas coa bebida. Nos últimos dous meses non chegou nin un só día sobrio á casa. Os bares próximos ao seu domicilio, no barrio de Vista Alegre, ofrécenlle refuxio, conceden unha tregua ao seu magoado estado anímico. Mentres bebe, a mente mantense en branco.

8 ⇑ O doutor Posse Roybanes non compartía o nerviosismo dos demais. O del podíase expresar mellor como alegría, admiración e certo grao de fascinación polo acabado de chegar. Balmis era un reputado médico ciruxián, botánico e investigador, fillo e neto de médicos.

9 ♠ Ergueito coma un rexo carballo na alta torre, Aldriz contemplaba desde o cume do castro a paisaxe que se abría aos seus pés. A montaña cabalgaba sobre o río e deixaba ao descuberto as rochas das entrañas, como vértebras escuras dun esqueleto humano.

10 ≈ Supostamente, Laura non ten que facerlles recomendacións de carácter xurídico ás internas. E, supostamente, tampouco ten que escoitarlles os problemas ou orientalas nas súas vidas. Ela só está alí para vixiar, para termar delas, aínda que nun módulo de mulleres, en xeral, haxa pouco do que termar.

Advertisements