O día 24 de febreiro conmemoramos unha data moi especial para a literatura galega. Fai 181 anos, nacía en Santiago de Compostela unha das figuras máis senlleiras da poesía do Rexurdimento: Rosalía de Castro.
Para celebralo, a Fundación Rosalía de Castro organiza entre hoxe e mañá unha serie de eventos na Coruña, en Santiago e en Padrón. Unha gala con música e versos de Rosalía, unha ofrenda floral á súa estatua na Alameda de Santiago ou un concerto na súa Casa-Museo de Padrón son algunhas das propostas. Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) segue coa tradición que inaugurou no 2010 de alentar á cidadanía a agasallar neste día un libro en galego e unha flor.

 

IMG_4498
Na biblioteca non queremos ser menos, e para homenaxear a figura de Rosalía temos un centro de interese que recolle unha escolma das obras de e sobre Rosalía que se atopan entre os nosos fondos. Nunha das mesiñas de mostrador, no primeiro andar, podedes levarvos en préstamo antoloxías dos seus poemas e tamén edicións modernas dos xa míticos Cantares gallegos e Follas Novas. Ademais, contamos con algún exemplo da súa narrativa: Flavio, unha novela romántica que Rosalía escribiu na súa xuventude e que trata do amor desenganado.

 

Filla dunha representante da antiga fidalguía e dun sacerdote, Rosalía afondaría moitas veces nos seus poemas posteriores na relación entre o amor e o desengano. Aínda que din que a sociedade galega da época non era tan cruel coma outras cos fillos non recoñecidos, o feito de ser descendente dun sacerdote poida que marcara o seu sentimento de soidade, esa negra sombra da que tanto falaba. Non o saberemos nunca, e aínda que o seu pai lle mandou ás irmás del que coidaran dela cando naceu, e a súa nai a coidou desde os cinco anos loitando contra tódolos prexuízos sociais da época… Non poderemos saber no fondo cánto lle afectou.

 

IMG_4496
Tampouco saberemos cómo foi en realidade a súa relación co seu marido, o tamén escritor Manuel Murguía. Hai voces que o defenden e voces que o culpan da infelicidade da súa muller. Non o saberemos nunca, pois as cartas que se mandaban foron queimadas por el cando ela morreu; igual que ela mandou aos seus fillos queimar as obras que quedaban sen publicar no momento da súa morte.
O que si nos queda é a sensibilidade, a intuición, esa habilidade para comprender a alma humana cada vez que lemos poesía. O que si nos quedan son as súas obras, e nelas está a clave máis importante para descifrar quén foi realmente Rosalía. Agora, para descubrila, tócavos a vós. Agardámosvos na biblioteca 😉

 

IMG_4495

 

Advertisements