Dende A Rúa traemos a unha das figuras máis sobranceiras da escena musical ourensá. Tras comezar cun par de proxectos primeirizos nos anos 80 (Alcatre e Voyeur), Magín Blanco, xunto con Juan Bellet e Joel Bayolo, decide fundar no último terzo desa década a mítica banda La Rosa (da que daremos conta algún día neste blog), coa que publica catro lp’s de gran calidade nos que destaca inmediatamente o seu lirismo.

La Rosa lanza a súa última gravación no 94, tras o cal se abre un paréntese musical na carreira de Magín, aínda que non chega a desconectar de todo xa que grava ‘ás agachadas’ algunha maqueta. A interrupción dase por rematada oficialmente máis dunha década máis tarde coa edición do seu primeiro disco en solitario, Ella (2006), co que inaugura unha serie de traballos firmados homónimamente que levarán ao valdeorrés, aos poucos, do pop-rock á senda da música orientada ao público infantil. Tras o lanzamento en 2007 de Realidad e en 2008 de Clic (disco compartido coa banda auriense Burgas Beat) , chega A nena e o grilo (2010), o primeiro traballo dirixido caminoespecíficamente á audiencia máis cativa. Esta nova dirección artística baseada no formato libro-disco segue a ser explorada en A nena e o grilo nun barquiño (2013), Gatuxo (2014), Canta o Cuco: Uxía e Magín na casa de Manuel María (2015) e Camiños (2017). Entrementres, no ano 2012, o noso compositor e intérprete en cuestión é homenaxeado por máis de trinta artistas no disco Doutor Apertas, toda unha honra que non moitos músicos en activo teñen o pracer de gozar.

É importante facer fincapé que na actual etapa da carreira de Magín Blanco, onde son os nenos e as nenas os receptores principais (que non únicos) das súas melodías, atopamos un aumento da teatralidade na posta en escena, orientada a que os rapaces e rapazas interactúen co espectáculo en maior medida. Este achegamento ao teatro pódese apreciar en toda a súa magnitude no seguinte video:

Se na vosa familia tedes pequerrech@s non o dubidedes máis e vide á BPOU  a levarvos prestados os seguintes libro-discos de Magín Blanco:

A nena e o grilo

Gatuxo

Canta o cuco

E se queredes desfrutar de algúns dos seus discos anteriores en solitario tamén o podedes facer preguntando por Ella ou Clic.

Para unha información máis completa sobre este artista das beiras do Sil podedes visitar, entre outras, as seguintes páxinas: o seu Blog, Folmúsica, Galiciantunes, Deezer, Sound Cloud.

Como é habitual nesta sección, lembrámosvos que se tedes un grupo e queredes enviarnos información sobre el podedes facelo escribíndonos neste formulario. Así mesmo se tedes unha maqueta ou disco e desexades compartilo cos usuarios da nosa biblioteca só tedes que enviarnos un exemplar a Biblioteca Pública de Ourense – Rúa do Concello nº 11, 32003 Ourense, ou traela persoalmente á nosa sede situada na dita dirección.

Por Miguel Cutrín Mosteiro

Advertisements