Agustin LorenzoAgustín Lorenzo Fidalgo (Ourense, 1952) é un poeta ourensán. Comezou escribindo contos que foron publicados na revista quincenal A Pereira, ata que unha experiencia vital o levou a achegarse á poesía. É autor das antoloxías Frío, Soles y princesas e Tempos eivados, a súa última publicación.

En Frío atopamos unha antoloxía melancólica, en Soles y princesas descubrimos poemas cheos de positividade e enerxía e en Tempos eivados, en cambio, reloce un Agustín Lorenzo máis social. Con que tipo de poesía se identifica máis?

A.L.F.: Ca social, aínda que os dous primeiros poemarios, por circunstancias e necesidade, tiñan menos de social. Non obstante, en Frío tamén hai parte de poesía social.

Como naceu o seu interese pola poesía?

A.L.F.: Foi case unha obriga sentimental. Tiven un familiar ingresado no hospital e pasaba unhas vinte horas ao día alí. Eso dache tempo para reflexionar, para deprimirte… As condicións da residencia naquel momento tampouco eran óptimas, o persoal era pouco e todo eso lévate a unha situación complexa. A poesía foi como un desafogo que reflexaba a situación daquel momento.

Cales son os momentos nos que prefire escribir?

A.L.F.: Non teño un momento do día definido, pero fundamentalmente é cara a última hora da tarde. É unha hora máis tranquila, na que tes menos obrigacións. Pero moitas veces incluso indo no coche vén a inspiración, e podes parar un momento e reflectilo nunha folla. 

Que significa a poesía para vostede?

A.L.F.: A poesía significa o expresar uns sentimentos, uns pensamentos… Un pouco tamén tratar de deixar unha pegada no eido social para o público.

TemposeivadosPor que o título de Tempos eivados para o seu último poemario?

A.L.F.: O libro xurdiu recordando moitos comentarios e historias que escoitei dos meus ancestros e da xente maior sobre o que foi a guerra civil e a posguerra; tempos difíciles que viviu toda a xente, pero fundamentalmente a xente do rural. Os poemas están inspirados nas cousas que me contaban, no que era a vida na aldea na época dos 60. Eran uns tempos moi escuros, non había medios de comunicación, apenas algún transistor. A comunicación consistía nas xuntanzas entre si, como podían ser os fiadeiros, as noites nas cociñas… O que había era a comunicación oral, non había outra cousa. O poemario tamén se inspira na resistencia que tivo toda esa xente sen perder a dignidade.

SORRISO

Levaban

o sorriso nos beizos

unha rosa vermella no peito

o puño pechado

a ollada limpa

o corazón a esquerda

eran elas, sempre elas

eran aquelas mozas

Tempos eivados. Lorenzo Fidalgo, Agustín. 2017

¤ Se acodes á Sala Galicia da nosa biblioteca, poderás levarte para casa Frío, Soles y princesas e Tempos eivados, preguntando polas sinaturas P (ES-gal) LOR fri [FL]P (ES-gal) LOR sol [FL]P (ES-gal) LOR tem [FL], respectivamente.

Advertisements