Este Nadal tivemos unha invitada moi especial na biblioteca. Antúbel, a nosa elfa celta, aproveitou estas datas para pasear polas estanterías, buscar no catálogo os seus libros favoritos, pedir un en compra para a biblio, renovar o seu carné de socia e ata investigar no cesto de agasallos da árbore de Nadal por se os Reis Magos deixaran algo para ela.

As compañeiras da biblioteca atendérona con moito agarimo, e pedíronlle que nos visitara con máis frecuencia. Aínda que a Antúbel lle encanta a biblioteca, non adoita mostrarse por vergoña. É polas noites cando, na sala de infantil, Antúbel sae do rincón secreto onde está agochada e se dedica a fedellar por entre os libros. Le e rele os seus favoritos, e sempre hai algún novo que engadir ás súas preferencias.

Para o ano que comeza, o 2018, o propósito de Antúbel é ler moitos máis libros e compartir lecturas e experiencias cos socios máis pequenos. Se tedes sorte, poderedes vela enredando por entre as estanterías da nosa biblioteca 🙂

Que teñades un moi feliz día de Reis!

Advertisements