maria mendozaPoucas veces ocorre que quen toca as teclas dun piano sexa capaz de tocar as teclas da túa alma. Iso só ocorre con contados pianistas, coma Ludovico Einaudi, ou a entrevistada de hoxe. María Mendoza é unha pianista e profesora de composición no Conservatorio de Música de Ourense, e ademais de colaborar con numerosas bandas musicais e poñerlle melodía a series e cortos de animación, é parte fundamental do grupo “The Tetas Van”. Colaborou no disco ourensán “Meu amigo Martin Codax” de Difusora de letras, artes e ideas (2015) e conta con dous repertorios de seu: “Intro” (2016) e “Nova”, recentemente publicado neste 2017.

Levas unha ampla traxectoria no mundo da música, e unha das principais reivindicacións de “The Tetas Van” é o sexismo. Como o viviches na túa carne?

M.M.: Normalmente dáse por feito que as mulleres son as cantantes dos grupos. Pasoume de estar nun grupo e que á xente que te contrata lle resulte extraño que non sexas a cantante. Eu creo que pouco a pouco hai máis mulleres no esceario. Si é certo que só hai que ver os grupos que tocan en calquera festival para ver que a inmensa maioría son homes.

Cres que a banda axuda a visibilizar esta situación? Cal é a resposta da xente neste sentido?

M.M.: Si, claro que si, porque é moi importante para nós ser un referente para as nenas, sobre todo para normalizar a figura da muller no esceario facendo algo que non sexa soamente cantar. Por exemplo, unha nena que vexa que hai unha rapaza tocando a batería pode soñar con ser batería, pero se soamente ve homes, quizais non se lle ocorre. E coa composición tamén. Os compositores máis visibilizados son homes. Das obras que se están tocando, o 90% son de homes compositores. Mulleres compositoras sempre houbo, pero estaban a rebufo dos maridos. Clara Schumann era a muller de Robert Schumann, a súa traxectoria foi sempre á sombra do seu marido.

“Nova” é xa o teu segundo disco. Imos cara unha María Mendoza máis consolidada? Que diferenzas podemos atopar nel con respecto ao primeiro?

M.M.: Nova é o irmán xemelgo de Intro porque complementa o anterior disco. Decateime cando comecei os concertos de que era un pouco curto. 40 min. era pouca duración para un concerto, e tiven que comezar a compoñer novos temas para completar eses concertos. Si que é máis consolidado, fun vendo o que lle gustaba ao público. Despois dun ano, vexo que cancións gustan máis, como responde a xente… e fíxeno á medida do directo. Tamén metín unha parte de música electrónica que non estaba no primeiro disco.

Cal é o teu obxectivo, que é o que che move a seguir facendo música?

M.M.: A necesidade. Teño a música dentro e teño que botala fora. É unha necesidade creativa, unha necesidade artística. Non podería vivir sen tocar, non podería vivir sen compoñer.

cd_intro

María Mendoza é Música. Escoitando “Intro”, o seu primeiro disco, podes sentir que a música che fala. Que é unha linguaxe coma outra, capaz de emocionar e de provocar sentimentos que che transportan máis alá do lugar onde estás. Quizais escoitar “Intro” sexa iso. Un xeito de poñerte ás para elevarte por riba do cotián. Apenas unhas poucas verbas mesturadas cos sons do piano representan toda a linguaxe articulada que aparece en todo o disco. Pero non é necesario máis. A música di todo o que ten que dicir. “Intro” rebosa de delicados, elegantes e sutís sons que combinan momentos de harmoniosa paz con momentos de apaixoada intensidade. Quen teña a oportunidade de desfrutala en directo agora en Ourense, que non o dubide. Xoias coma esta nunca se sabe cánto van durar aquí. “Intro” ou “Nova” son tan só o principio.

→Podes levarte para casa “Intro” ou “Nova” de María Mendoza preguntando en mostrador polas sinaturas de depósito [FOL(G) MEN int] ou [CLA(G) MEN nov], respectivamente.

Advertisements