Novembro é o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Na Biblioteca Pública de Ourense queremos homenaxear o pensamento científico e a curiosidade experimental que fixo avanzar á humanidade presentándovos unha selección de material relacionado co tema. No mostrador da biblioteca podedes atopar un centro de interese con vídeos e películas de ciencia ou ciencia ficción, e dous máis que recollen libros que tratan ou están escritos por mulleres científicas.

Astronomía
Imaxe de Conner Baker en Unsplash 

Honestamente, a selección dos libros relacionados con mulleres na ciencia foi a máis complicada de artellar. Non só pola inferioridade numérica das científicas con respecto aos seus homólogos masculinos, que tamén, senón polas numerosas inxustizas que se cometeron con elas ao longo da historia da ciencia moderna occidental. Poida que xa moitos de vós coñezades o caso de Rosalind Franklin; descubridora do ADN antes de James Watson, Francis Crick e Maurice Wilkins malia que foron estes últimos quen gañaron o Nobel de Medicina en 1962 por este motivo.

Sen embargo, quizais algúns non saibades que poucos anos despois, en 1974, se volveu a repetir a historia. Jocelyn Bell, a primeira astrofísica en descubrir un púlsar, foi eclipsada polo seu director de tese Antony Hewish. El atribuiuse o descubrimento, el gañou o Nobel de Física. Poida que unha alumna, unha muller nova, non pertencese ao mellor estereotipo para considerarse socialmente merecedora dun descubrimento tal.

Eclipse
Imaxe de Matt Nelson en Unsplash 

O rosario de casos de mulleres científicas que viviron e morreron baixo unha sombra masculina non se detén aí. En moitos casos, é o propio marido quen corre ca gloria mentres ela sorrí e se xustifica no amor que sente polo seu marido (que, se el a ama, porque non fai o mesmo?). O que no caso da pintura se exemplifica con Diego Rivera asinando cadros pintados pola súa muller Frida Kahlo, en ciencia materialízase con Gotfriend Kirch atribuíndose en 1702 o achado do cometa que fixo a súa esposa Maria Winkelmann-Kirch. El cedeulle o seu apelido. Ela, un descubrimento histórico.

No caso de Frida, ela cara ao final da súa vida atopou o recoñecemento que lle correspondía. Pero na ciencia non era tan doado.

Lise Meitner, Henrietta Swan Leavitt, Esther Lederberg, Chien-Shiun Wu, Marianne Grunberg-Manago… Todas elas poderían figurar na historia coma gañadoras dun premio Nobel, e, de non ter sido eclipsadas, aumentarían a vergoñenta cifra de 18 mulleres recoñecidas deste xeito.

Por esta situación, a tarefa de ofertar unha selección de libros sobre a temática de mulleres científicas foi complicada. Ademais de non seren recoñecidas pola historia, os libros sobre as súas vidas e descubrimentos limitábanse a algún que outro exemplar nalgunha sala infantil da Rede de bibliotecas galegas.

Ao non ser recoñecidas pola historia, poida que non se editase moito sobre o tema. Ao non editarse moito sobre o tema, poida que nós non esteamos o suficientemente atentas para adquirir esa clase de exemplares.

Sexa como sexa, recoñecer o valor das mulleres científicas é unha cuestión social que incumbe a cada unha e a cada un. Dende aquí animámosvos a ler os libros de mulleres científicas que seleccionamos para vós, analizalos, comentalos, difundilos e, por suposto, desfrutalos. Aquí estaremos para recibir as vosas impresións. Desexándovos un feliz mes da ciencia, despedímonos. Vémonos na biblio!

Advertisements