80 voltios é un grupo de rock ourensán, creado en 2014. Os seus membros son Óscar Txinguín (voz), Luis (guitarra solista), Eladio (guitarra), Pablo (baixo) e Toño (batería). Teñen tocado en locais míticos da cidade, como o café Auriense na Praza do Correxidor, no Ponterock das festas da Ponte e no Ourenrock en Bemposta; ademais de en diversas localidades como Esgos, Carballiño…

Como xurdiu a idea de formar o grupo?

Óscar Txinguín: A idea xurdiu nun bar, cando nos atopamos a través dun amigo en común co guitarrista. Estaban buscando un cantante para un grupo de versións de rock. Procuramos un batería e un baixista e comezamos a preparar temas para pasalo ben e divertirnos. Ensaiábamos nunha casa.

Centrádesvos máis en versións, ou tendes tamén cancións propias?

O.T.: Un pouco de todo. Temos versións dos anos oitenta (de aí ven o nome do grupo), fundamentalmente do rock español desa época. Tamén os acompañamos de temas propios. O mellor do proceso compositivo é levar unha idea e darlle forma entre todos, que cada un lle dé o seu toque persoal.

Que experiencias positivas ou divertidas sacastes a raíz de ter o grupo?

O.T.: Pois moitas. Para nós tocar xa é un pracer, sen ningunha pretensión de chegar a ningún lado. Primeiro divertirnos nós, e despois, divertir á xente.

Cales son os vosos proxectos de futuro?

O.T.: Seguir ensaiando. O de gravar un disco vémolo moi lonxano. Simplemente seguir tocando as nosas cancións propias, e seguir versionando as cancións que nos gustan dos anos oitenta.

Que aporta o rock ás vosas vidas?

O.T.: É un exercicio de liberdade. É unha maneira de vivir e de ser, de ver as cousas e sentilas.

—> Para máis información sobre 80 voltios, podedes seguilos no seu facebook.

Advertisements