¡Moitas grazas a Félix Álvarez pola súa colaboración!
Para máis info sobre Félix Álvarez, podedes visitar o seu blog e seguilo no seu twitter.
∼ † ∼ † ∼ † ∼
Outra sorpresiña da biblioteca pública de Ourense. Desde hai anos, repartidos nunha esquina da sala de préstamos e devolucións, organizados por décadas, hai a oportunidade de levar varios DVD e Blu-Ray con películas, series e documentais. Non lle prestei moita curiosidade nin tempo porque xa un ten bastante material como para adquirir máis peeeero resulta que unha mirada casual deu con esta película (e dúas máis, que aparecerán na foto).

 

blog

Rematada en 1964 e proxectada con malos resultados en 1968, “Spider baby” é unha comedia de terror, en branco e negro e subtitulada en castelán. Polo menos, a edición que hai en DVD, xa que parece que nunca chegou ao noso país noutro formato para o gran público.

A cousa é que un sobrevivente de certa familia conta como nela se deu unha curiosa síndrome que leva aos mozos a dexenerar mental e fisicamente. Unha síndrome que cre xa desaparecida. E lembrará a aparición e desaparición dos últimos Merrye que o portaban no sangue. Estes son unha familia coidada polo bo chofer que os anima sempre a comportarse e non facer o mal nin odiar, ademais de protexelos do mundo máis aló do enreixado da propiedade. O problema, como tantas veces, dáse cando alguén chega á casa e perturba esa situación de inestable control. E non crean que os civilizados recentemente chegados sexan menos tarados que os habitantes do inmoble. Algúns teñen máis perigo, ao ser persoas cordas que seguen o seu instinto egoísta, tralos seus intereses económicos.

∼ † ∼  † ∼  † ∼ 

Varios detalles captaron a miña atención. E é o que comparto pois, para datos, unha ligazón informaravos debidamente.

En primeiro lugar, a banda sonora, sobre todo a canción primeira, que pon voz aos créditos. Estes, debuxados e con letras terroríficas que nos adiantan a dinámica da película, representan situacións, obxectos e persoas riseiras. A mesma canción ten un aire desenfadado e cómico, tanto a nivel musical como de letra.

Seguidamente, a aparición do “negro”, ao que non lle auguras un bo final. E a pregunta que queda no aire: desde cando o negro é o primeiro que morre nos filmes?

Outra cousa que me chamou a atención resulta non ser cousa senón persoa: e é a aparición hipnótica de Virxinia Merrye, unha das irmás baixo o coidado atento e cariñoso de Bruno, o chofer da familia.

A tenrura do mencionado Bruno é outra perliña que me conmoveu. Ver a este chofer xigante (e máis en comparación coas ehem, ehem, delicadas irmás) que non xulga a esta familia de monstruiños senón que a coida e se preocupa por eles, chámaos polo seu nome e recrimínaos delicadamente polo mal feito, protexéndoos tamén dos males fóra da súa propiedade… ou do mal que estes poderían facer, levados da súa síndrome endogámica que os leva á depravación.

E se teño que resaltar outro detalle, o do final. Como a escena primeira encalla neste e queda no ambiente a tensión non resolta do mal como última palabra…

Para min, unha pequena xoia en branco e negro cunha imaxe clara e definida, unha banda sonora que axuda a manterse serenamente en tensión humorística e arrepiada.

∼ † ∼  † ∼  † ∼ 

→Podes levarte para casa “Spider baby” buscando na sección de películas da sala de préstamo a signatura [196- C(EU) HIL2 spi].

∼ † ∼ † ∼ † ∼

Advertisements