Antúbel é a elfa celta que vive na nosa biblioteca. A pesares de levar varios anos vivindo xa con nós entre as estanterías e os seus queridos libros, nunca esqueceu a fraga onde naceu.

Por iso este luns, cando espertou pola mañá e o fume negro lle picou nos ollos e o cheiro a cinza lle tapou o nariz, acodeu correndo á súa antiga casa. Cando chegou, non puido crer o que vía: o bosque onde ela xogara de pequena era agora un deserto negro, cheo de esqueletos escuros que antes foran as árbores onde vivían os seus amigos os paxaros, que agora tamén estaban mortos.

Antubel paxaro

Antúbel quedou todo o día e toda a noite a chorar. Choraba e cavilaba, choraba e cavilaba, non entendía por que os humanos destruíran o seu fogar. Non entendía por que mataran aos seus amigos. Non entendía por que queimaran a vida.

Árbores lendarias, portadoras dunha sabedoría inapreixable que só podía entender o vento e aqueles corazóns que respiraban co bosque, foron queimadas nunha noite. Para que medren de novo terán que pasar moitos, moitos anos. Para que volvan depurar o aire como facían, terá que pasar alomenos medio século. As cantidades inxentes de cinza que se xeneraron serán arrastradas pola choiva ata os ríos, contaminando tamén aos peixes e aos organismos acuáticos. O aire contaminado polo fume dos incendios acelerará aún máis o quentamento global que xa está a facer desaparecer os casquetes polares e a roubar os fogares dos osos polares, as focas, as baleas…

E iso non é o que máis medo lle da a Antúbel. O que a enche de pavor é saber que aínda hai persoas dispostas a queimar o bosque de novo, humanos que aínda non son conscientes de que o tesouro incalculable máis valioso que agocha o planeta Terra é, precisamente, o propio planeta.

Por iso Antúbel vos pide que plantedes as sementes do cambio. Respetade a natureza, sempre e en cada un dos vosos actos. Falade ben dela e axudade a que as persoas que aínda non son conscientes, se decaten do importante que é que os animais, as árbores, as augas, e o aire estén vivos e limpos. Coidádea. Sede os guerreiros da luz que rematen cas tebras neste planeta para sempre. Antúbel precísavos a cada un de vós para a tarefa.

Antubel axuda

“Só cando a última árbore sexa cortada,

só cando o último río sexa envelenado,

só cando o último peixe sexa pescado,

só entón descubrirán que o diñeiro non se pode comer”.

Indios Cree.

Advertisements