¡Moitas grazas a Félix Álvarez pola súa colaboración!
Para máis info sobre Félix Álvarez, podedes visitar o seu blog e seguilo no seu twitter.
∼ † ∼ † ∼ † ∼
A volta á biblioteca pública da rúa Concejo, en Ourense, levoume polos escuros camiños do fantástico no século XIX. E é algo que non me custa, xa que gusto de relatos desa época dende fai anos. O bo é telos coñecido fai tempo e poder agora reler e ampliar lecturas. Iso, as lecturas e relecturas, xunto coas dramatizacións radiofónicas que Juan José Plans e o seu equipo realizaron fai anos. Cito ao programa “Historias” de RNE, aínda que hai varios programas que tiven oportunidade de coñecer estes últimos anos, en forma de podcast.
Hoxe, de tódolos xeitos, non rematei unha obra da época senón un breve estudo sobre a nosa literatura patria fantástica ao longo de todo o XIX e a influencia que, sobre todo, exerceu Edgar Allan Poe. Lin casi dun tirón “La sombra del cuervo. Edgar Allan Poe y la literatura fantástica española del siglo XIX”, de David Roas, en Devenir Ensayo, libro número 24 da colección, Madrid 2011. 209 páxinas interesantes e áxiles. Tanto que tiven que parar nalgún momento, ante o delirio das obras e autores citados, que son moitos, e a información contida. Pero é que iso mesmo é o que me levaba a unha páxina máis: que é un estudio áxil, que gozas lendo e te anima a seguir e seguir.

Amén dunha bibliografía onde se aúnan obras literarias e, sobre todo, estudos sobre as mesmas e outras, sobre épocas e narrativas e autores, temos unha obra densa de lectura sinxela. Vamos, que se deixa ler e che permite tomar notas e ampliar logo as investigacións personais. Aúna ambos goces. As veces que tiven que pararme a investigar léxico técnico, que algo hai, son poucas, co cal podes executar unha lectura seguida interesante e amena, divulgativa, sen perder en profundidade.

Comeza coa metodoloxía que seguirá, a crítica aos escritores á súa investigación e a exposición histórica da situación literaria española, concretada no ámbito do fantástico. Ante a perspectiva dun país onde o fantástico quedaba relegado a consumos minoritarios e produccións censuradas ou pouco valoradas polos críticos, temos un século XIX que se move entre os relatos pseudofantásticos (os feitos semellan preternaturais e explícanse, ou sobrenaturais e maniféstase un acto de fe ou de crítica moral), o fantástico lendario e o gótico. Aparece cedo na escea E. T. A. Hoffmann e faise sentir a súa influencia, levando a lectores e escritores a mundos que semellan reais nas súas formas físicas pero que posúen leis de corte onírico e fantástico. Isto, sobre todo, na primeira metade de 1800. Poe, por vía de traducións francesas e, a continuación, adaptacións e traducións ao castelán, entrará con bastante boa fortuna, a partires de 1856.

∼ † ∼  † ∼  † ∼ 

O libro xa vos dará datos máis precisos en canto a autores, datas e obras. E é que os capítulos centrais do estudo están dedicados a estas obras que dan a coñecer a Edgar Allan Poe en España, cómo foron criticadas (para ben e para mal) e cómo influíron nalgúns autores. Non faltarán referencias pero a maior parte de citas son do orde da literatura narrativa, botando en falta unha ollada maior cara á poesía, cousa que un agarda coa sombra do animal citado no título do libro. Desmerece por elo? Para nada.

Como digo, desfrutei da lectura deste ensaio e alegreime da súa existencia. Temo agora non levarme moitos datos e conclusións no miolo, pero si animo a que alguén máis o pida na biblioteca e aumente as marcas de datas de préstamo na súa primeira folla.

∼ † ∼  † ∼  † ∼ 

→Podes consultar “La sombra del cuervo. Edgar Allan Poe y la literatura fantástica española del siglo XIX” preguntando na sala de préstamo pola signatura [82 (ES) ROA som].

∼ † ∼ † ∼ † ∼

Advertisements