♦ Lembrámosvos que o luns 18 de setembro comeza o prazo para anotarse nas actividades da biblioteca que se desenvolven regularmente durante o curso: clube de lectura en castelán, galego, francés, tertulia de inglés, obradoiro de banda deseñada (de 12 anos en adiante)… As actividades da sala infantil comezan en outubro, nelas a inscrición faise antes da celebración de cada unha (Chiquicontos, Contiños con Susana…).

A continuación, retomamos a actividade do noso blogue para presentarvos a un dos poetas máis relevantes da nosa cidade:

morgade

José Ramón Fernández Morgade é un poeta ourensán, nado en 1961. Presidente da Asociación Cultural Círculo Poético Orensano, é co-autor nas antoloxías “Mundos por descubrir“, “Colectivo I” e “Ourense no corazón”. Realizou varias lecturas de poesía en España, Portugal e México. Participou en multitude de encontros internacionais de poesía, coma nos de Zamora (México), Aprilia (Italia) ou Aveiro (Portugal). En solitario publicou dous poemarios, “Me evaporo” e “Lúas do deserto“, ámbolos dous coa editorial Grupo Cero. A continuación presentamos unhas breves preguntas que lle formulamos sobre o seu último poemario, publicado en 2014: “Lúas do deserto“.

A antoloxía “Lúas do deserto” divídese, máis que en poemas, en lúas. Que ten a lúa para inspirar a tantos poetas?

J.R.F.M.: A Lúa, como satélite da terra, ten influxo sobre moitas cousas que nos rodean, as mareas sen ir mais lonxe, pero como tal non creo que sexa fonte de inspiración. A Lúa, como musa, como reflexión, como representación do inalcanzable, como feitizo se inspira. A lúa, para un poeta, pode selo todo, o amor, a rabia, a luz, o esquecemento, a sombra, a beleza, a constancia, o desexo. Alguén a quen mirar e que che fai suspirar.

Por que a decisión de facer un libro bilingüe en castelán e galego?

J.R.F.M.: Normalmente escribo en castelán, xa que pola educación que me deron son castelán-parlante, o castelán é o idioma da miña mente; con todo, por sentimento, o galego é o idioma do meu corazón. E Lúas do Deserto é ante todo un libro de sentimentos, sentimentos nados nas miñas viaxes a México. Por iso é polo que fixen un libro bilingüe, en castelán en homenaxe aos meus amigos e lectores mexicanos e en galego por un reecontro co meu interior e os meus sentimentos.

“Luás do deserto” podería considerarse un canto-denuncia da inxustiza, tanto a que se produce coas mulleres como a que se exerce sobre os pobos oprimidos. Cres no poder rexenerador da poesía?

J.R.F.M.: Desde a antigüidade as persoas utilizaron a poesía para expresar os seus sentimentos e para narrar as súas vivencias. O poeta é moi sensible a todo o que lle rodea, e esa sensiblidade fai que determinados comportamentos da sociedade non lle sexan alleos e revélese contra eles, pero en vez facelo con outras armas, utiliza a arma da linguaxe. Por este motivo a poesía é máis fiel que os libros de historia para coñecer o que realmente sucede na sociedade, porque o poeta non fai mais que reflectir o que ve, o que vive e o que sente, por iste mesmo motivo tantos poetas foron perseguidos ao longo da historia, pero a ninguén se lle escapa que xogaron un papel importante na rexeneración da sociedade.

Es o presidente de Círculo Poético Orensano. Como valoras a traxectoria de Círculo dende a súa fundación ata o día de hoxe?

J.R.F.M.: Se teño que utilizar unha palabra é satisfactoria, xa non só pola cantidade de actividades que realiza ao longo do ano, senón pola implicación da xente con elas. E entre todas estas actividades hai unha que xá se converteu nun referente poético, non soamente en Ourense senón a nivel internacional, e esta é o Encontro Internacional de Poesía que Círculo organiza na nosa cidade, e que neste mes de outubro chegará á súa VIII edición.luas

“Lúas do deserto” é un poemario que vai evolucionando segundo as fases da lúa. Un canto intimista sobre a inxustiza, denunciada dende os sentimentos e o corazón latexante do poeta. A perspectiva puramente persoal fúndese cos anhelos dunha felicidade plural que brille aloumiñando a toda a humanidade, especialmente aos oprimidos. O resultado final é unha antoloxía de vivencias persoais e colectivas, narradas co ritmo e a delicadeza que a poesía máis xenuina precisa.

Consulta o libro na Sala Galicia, preguntando pola sinatura P (ES-gal) FER lua [FL]