Como eran as vodas na provincia de Ourense a comezos do século XX? Na hemeroteca dixital de Galiciana podemos atopar unha aproximación, xa que Vicente Risco fixo unha breve descrición o día 10 de febreiro de 1945 no diario “Orensano: periódico gallego”, dixitalizado pola plataforma. Este xornal era editado polo Centro Orensano de Buenos Aires a mediados do século XX.

Risco, dende a emigración, publicou unha serie de artigos no devantido xornal baixo o título de “Usos y costumbres orensanas”.

O proceso era o seguinte:

O campesiño comezaba rondando á moza que lle gustaba, aproveitando eventos sociais como as festas, as feiras ou as misas para bailar con ela ou gozar da súa compaña. A mediados do século XX xa non era tan necesario o consentimento dos pais para seguir co amorío. Só cando a relación se ía formalizando, un dos proxenitores lle preguntaba ao mozo o seu parecer, para que a moza non pasara o tempo inutilmente e puidera procurar outras relacións. É oportuno recordar neste punto, aínda que Risco non o menciona, o mal visto que estaba socialmente unha muller solteira a mediados de século.

Anécdota curiosa era a costume de convidar a unha ola de viño aos veciños novos da moza, cando esta era doutra aldea. Esta invitación actuaba como pasaporte que lle abría ao mozo as portas da aldea na que ela vivía.

No seu artigo, Risco continúa detallando os pormenores das festas nupciais na nosa provincia. Os pais adoitaban poñerse dacordo para os preparativos da cerimonia e para proporcionarlle ao novo matrimonio unha casa-habitación amoblada. A voda adoitaba celebrarse en sábado, na igrexa parroquial. A noiva sacaba o mellor da súa indumentaria, con olor de espliego, xabón ou auga de colonia. As invitadas levaban nas súas mans panos brancos co que chamaban “doces de voda”, que moitas veces eran anacos de pan que repartían aos que atopaban camiño da igrexa.

Algúns mozos acompañaban ao noivo a recoller á noiva na súa casa. Esta saía na compaña da nai, pai ou irmán maior, que non a deixaban soa ata o final da cerimonia, cando pasaba a escoltala o recén estreado marido. A festa duraba ata ben entrada a noite, e non podía faltar un gaiteiro nin, se a voda era sonada, un par de mozos que disparasen as súas escopetas a cada momento. A comida e o viño eran abundantes.

Se un dos contraíntes fose viudo, ou non quixesen pagar gaiteiro, os mozos da comarca facían estrépito durante nove noites consecutivas con cencerros, latas e outros artefactos.

Os noivos non comezaban a súa vida en común inmediatamente, senón que agardaban tres ou catro días. Despois, rematada a lúa de mel, os pais cedían aos fillos casa e terreos para labrar se eran xente de mediana fortuna. Entre os máis desfavorecidos, era frecuente emigrar cara Portugal ou América. Cando os futuros emigrantes tiñan moza, adoitaban casarse con ela en vésperas de embarcar, aínda que tiveran que deixar á súa esposa na aldea.

→E así remata o resumo deste artigo de Risco, que se pode consultar na hemeroteca dixital de Galiciana buscando na súa base de datos o diario “Orensano: periódico gallego” do día 10 de febreiro de 1945.

Advertisements