Nesta ocasión entrevistámonos con Carlos Quintas Lorenzo, vocalista do grupo Miss Derrota do que xa falamos neste blogue, e autor do poemario “Abrazada a las peonzas“. Nada en Maceda en 2014, a súa banda toca rock alternativo, indie e pop/rock. A continuación plantexámoslle algunhas cuestións sobre o grupo musical que leva cos seus amigos, para rematar con preguntas máis persoais acerca da súa faceta como poeta.

Que significa Miss Derrota?

C. Q. L.: Demos o noso primeiro concerto sen ter un nome, mesmo pedimos algunhas suxestións, pero finalmente lembro que nunha conversación con David Fernandez (Loiro, que máis tarde deseñaría o logo da banda) apareceu o nome e gustounos.

Aínda que foi un pouco por azar,  de “Miss Derrota” gústanos a idea de lembrar ao perdedor, existe o ímpeto por premiar ao máis rapido/a ou ao máis guapo/a, sempre ao primeiro e sempre nos esquecemos do traballo que levaron todos para -moitas veces- non gañar por méritos obxectivos. Téntannos impoñer a cultura do éxito instantáneo (como en decenas de programas de televisión) e sempre se nos oculta o traballo que hai detrás de cada éxito e ata de cada fracaso; que o éxito estea en tentalo e aprender.

Quen compón as letras das cancións? Cantas tedes compostas ata agora?

C. Q. L.: O aparello compositivo do grupo é mixto, cada un vai chegando coas súas ideas (en diferentes estados de elaboración) e os demáis completamos. A parte da letra adóitame tocar a min. Teremos un total de 14 ou 15 temas dos que -para este ano- tocamos uns 10 en todos os concertos.

Quen lle pon os títulos ás cancións? En que vos inspirades?

C. Q. L.: Algúns (os menos) saen sós e veñen rápido. Para outros adoitamos elixir dous ou tres opcións e valorámolas entre todos, e aínda que adoitamos coincidir, gústanos contemplar varias opcións igualmente.

Pensastes en ampliar o número de músicos no grupo? E en meter algunha voz feminina?

C. Q. L.: A resposta a ámbalas preguntas é a mesma, plantexámonos iso pero só para colaboracións. A realidade é que todo o que nos faga crecer é bo, pero a loxística de cinco persoas é moi complexa, en canto desprazamentos e en canto ensaios. Custa cadrar horarios! Pero si que nos encantaría probar cousas novas por esa parte.

Xa sei que editar non é fácil, pero, propuxéstesvos editar un disco?

C. Q. L.: O formato físico é unha cuestión complicada, e nos tempos que vivimos, case fetiche. Temos dúas cancións en plataformas dixitais (Spotify) e este ano veñen algunhas en camiño. Poida que o fagamos cando consideremos que hai un número digno para plasmar nun CD.

Nestes momentos tedes entre mans algunha canción nova?

C. Q. L.: Temos tres no forno, que esperamos estean en marzo (ou antes) e quizáis outras tantas se graven este ano. Iso é no que nos queremos centrar, que a xente as poida escoitar na súa casa e divertirse con elas en directo. Son os propósitos de 2017.

Para rematar: daredes outro concerto nas festas de Maceda 2017?

C. Q. L.: Non é unha pregunta que dependa de nós, van dous anos e o certo é que estamos encantados coa resposta da xente. Quen non soña de pequeno poder tocar en directo nas festas do seu pobo e a xente cante as súas cancións? Seguimos abertos a todo, claro!

Agora tocaremos a túa faceta como escritor. Len esta entrevista moitas persoas interesadas na poesía e outras que quizais non o estean tanto. Antes de entrar en materia e pensando tamén nestes últimos, empecemos por unha pregunta aparentemente sinxela que achegue a poesía tanto aos que a cultivan como aos que a miran con ollos distantes: que é para ti a Poesía?

C. Q. L.: Paréceme a mellor forma de transcender e conectar, ademais da música. Sacar algo que levas dentro e que a forma achegue tanto como o contido. Non podería estar máis de acordo coas palabras de Suso Sudón “só a poesía consegue que as palabras sirvan para o que non serven as palabras”.

abrazada-peonzas

Por que e cando empezaches a escribir poesía?

C. Q. L.: Sen poder concretar unha data exacta, diría que foi algo que -con máis ou menos intención- fixen sempre; aínda que chegou a regularidade fai uns tres ou catro anos.

A razón principal de crear supoño que é a necesidade imperiosa de sacarse algo de encima, un medio para buscar unha sinerxia entre todas as cousas que che ocorren (ou non). Como cando necesitamos ler algo ou escoitar algunha canción acorde co noso estado de ánimo, pero facéndoo un mesmo.

Como estruturas os poemas, como creas as rimas? Tes algunha manía de poeta?

C. Q. L.: Non teño unha estrutura definida para os poemas nin as rimas, o único que escribo estruturado son as décimas ou os sonetos (dos que no libro só hai un par ou tres). Pero isto é máis a modo de entretemento. Deixo fluír o poema sen marcarme ningunha pauta, aínda que a rima -tan denostada en poesía moderna- ségueme a gustar; normalmente fágoos concluír nela.

Polo demais, cada vez gústame máis reducir a poesía á súa mínima expresión,  xa escribo máis aforismos que poemas.

Que é para ti o máis gratificante de escribir poesía?

C. Q. L.: En primeira instancia o acougo de deixarse fluír e sacarse algo de encima, o verte nun papel e compartir ese peso.

E en segundo lugar -unha vez liberado o escrito- a conexión. É incrible a capacidade que ten o ser humano de conectar mediante sentimentos similares, aínda que non te coñezan, e a xente que o comparte, que se sinte identificada e cho fai saber sempre che presta un pouco de esperanza.

E o máis frustrante?

C. Q. L.: Cando a xente se pecha ao xénero sen coñecelo. Pódenche espetar un “non me gusta a poesía” e iso é o máis parecido a ver sombras chinesas e dicir que non che gusta o cinema. Creo que foi culpa de quen lle interesaba que a poesía quedase en determinados círculos, pero a poesía é tan libre que existen tantas formas dela como persoas, podes aborrecer a clásica ou a moderna, ou o slam, pero creme que hai unha poesía para ti.

Influíu algún poeta na túa obra?

C. Q. L.: Os poetas que máis leo e máis me gustan son Whitman, Bukowski, García Montero, Neruda, Salem, etc.

Gústame poesía de formas diametralmente opostas e sería mesmo pretencioso dicir que bebín deles para escribir. En xeral creo que se collen ideas de todas partes e de todos os xéneros (non só da poesía, nin da propia literatura) para escribir.

Falemos do teu libro “Abrazada a las peonzas“? Cando empezaches a traballar nesta obra?

C. Q. L.: Foi unha colecta máis que un traballo enfocado, recolle a maioría de poemas creados desde un ano antes de publicarse. Gardan unha relación temática non buscada, pero natural.

Lembras cal foi o teu primeiro poema?

C. Q. L.: É difícil lembralo porque son un desastre para ordenar -e menos cronoloxicamente- o que vou escribindo. Pero curiosamente neste caso é o poema que se titula “FIN” o primeiro en aparecer para o libro. Fala das situacións nas que parecemos estar nun bucle difícil de saír (se é que queremos).

A que se debe o título?

C. Q. L.: É o título do primeiro poema do libro e, como deixa ver a cita do mesmo, é unha chiscadela a Jack Kerouac cando en “No camiño” fala da xente que está tola por vivir e danza como peonzas, dicindo que é a xente quen lle interesa. O poema vai nesa liña, personificándoo en alguén que ten un magnetismo extraordinario.

Estás a traballar nalgún libro de poemas neste momento?

C. Q. L.: Como pasou a última vez non hai nada enfocado a unha publicación. O que si me gustaría é que o libro compartise as poesías con máis aforismos, unha especie de unión entre ambos.

Pensas dedicarte profesionalmente a este mundo?

C. Q. L.: O mundo editorial é voraz e caprichoso. Habería que ser máis que privilexiado para poder decidir un mesmo sobre isto. Como todo o que a un lle gusta sempre te deixas soñar, pero está claro que é algo que pode suceder ou non.

De todos os teus poemas cal é o teu favorito?

C. Q. L.: Que dificil! En palabras de Robe Iniesta “a miña canción favorita é a miña última canción”, e iso compártoo plenamente. Vou prefirindo poemas por determinados momentos. Neste mesmo instante e para ser máis breve elixirei unha frase, que tamén está no libro: “Ás veces trémeme a pel, e es ti o terremoto”.

Podes consultar o poemario “Abrazada a las peonzas” na Sala Galicia, preguntando pola sinatura P (ES-gal) QUI abr [FL]

Por María Soledad Prol Cid

Advertisements