retrato-serranoJosé Luis Serrano Volcán naceu en Caracas (Venezuela) en 1968. Estudiou na Escola de Arte Federico Brandt, estivo na Escola Superior de Artes Plásticas Armando Reverón e logo foi a Cuba, onde estudiou Serigrafía e Litografía e Gravado. Agora témolo en Ourense, onde, na Biblioteca Pública, estivemos a conversar con el.

A súa arte pode considerarse unha abstracción lírica, unha metáfora visual que usa un expresionismo simbólico con cores profundas e intensas. Nese cromatismo contrastado, emerxe de cando en cando a figura arquetípica do peixe. Para el, o peixe é un símbolo da transformación vital. É unha figura que se lle aparece sempre que hai algún cambio importante na súa vida, coma un psicopompo das etapas que vai deixando atrás.

Estes peixes usan e nadan en cores intensas. Esa intensidade da cor, coma el mesmo nos indica, ten que ver coa paixón que pon en todo o que fai: a poesía, a pintura… Lévaos dentro. É un xeito de ver a vida, o cristal a través do que nos conta as súas impresións. Para traballar a pintura, os pinceis, a espátula, cartóns e trapos son ferramentas idóneas. Pero calquera obxecto que estea á man e permita acadar a textura desexada é bo. Iso si, o óleo é o material que mellor plasma a súa creatividade.

plaver
“Plátano verde”, óleo en tela

O motor que o impulsa a pintar é, segundo el mesmo nos indica, o amor. De pequeno xogaba a ser chef, e, no canto de comida, aos seus amigos repartíalles cores. Logo comezou a pintar coma unha evolución natural. Unha mestra inglesa ensinoulle a usar a cor, pero non do xeito tradicional. Non lle falou do Pantone, nin das gamas cromáticas, senón que lle ensinou directamente o sol, o campo… e a partires de alí, traballaron.

Agora acompáñanos na cidade de Ourense coma resultado dunha búsqueda da tranquilidade, dun lugar onde sexa posible o contacto personal e directo que non puido atopar en grandes cidades. No noso país contabiliza 16 exposicións, a próxima en Frenegal de la Sierra (Badajoz). En Ourense, no pasado setembro, expuxo nunha exposición individual na galería Ferrer; e tamén nunha colectiva nesa mesma galería nos pasados meses de decembro e xaneiro, pero voltará de novo a ensinarnos as súas obras na galería Visol.

senteito
Da serie “Sin techo: pescado. Emociones”. Óleo sobre tela
Advertisements