jasantosJ. A. Santos é un escritor ourensán, nado en 1971. Secretario de Círculo Poético Ourensán, é autor de poemarios como “Bolboretas na memoria”, “Decadencia” ou “Días de lluvia” e das novelas “Cicatrices”, “El último suspiro del césar”, “Una pesadilla llamada Aurora” ou “Mal lugar para morir“. Tamén colaborou en diversas antoloxías, como “Verano encantado”, “Colectivo1“, “En el envés de la luna“, “Dulces letras en Verde Absenta”, “Ourense no corazón”; e en revistas literarias como POE+, Cinosargo, Palabras Diversas ou SymPoesieum. A continuación, plantexámoslle unhas breves preguntas para coñecer mellor a súa traxectoria no mundo da literatura.

José Antonio, como comezaches a escribir?

J. A. S.: Botando unha ollada atrás, hoxe véxoo como un proceso lóxico e natural. Comecei a ler todo tipo de literatura con 12 anos, e ao tempo que lía, imaxinaba historias. Un día comecei a escribir esas historias. Primeiro eran poemas e contos, logo novelas con tramas xa cada vez máis complexas.

Fuches un dos impulsores iniciais de Círculo Poético. Cales eran os obxectivos iniciais? Como valoras a súa traxectoria ata hoxe?

J. A. S.: A idea que fixo xurdir a Círculo Poético era ter unha plataforma dende onde poder organizar eventos literarios e tamén ser un soporte para axudar aos novos escritores (entendido como aqueles que comezan a escribir independentemente da súa idade) a coñecer o mundo da literatura para saber cómo encauzar a súa creación no caso de querer dar o paso e publicar.

Esta idea inicial cambiou, como tamén cambiou a estrutura da asociación. Crecemos e somos máis coñecidos. Ademáis agora centramos máis o noso traballo na difusión da poesía entre os máis novos, principalmente nos colexios. Creo que logramos consolidar un proxecto atractivo.

Que temática é a que máis te inspira ou inspirou para escribir?

J. A. S.: Principalmente nas miñas novelas é o mundo sobrenatural. Na miña narrativa hai en maior ou menor medida presenza de elementos que se escapan do que consideramos normal e que semellan responder a forzas chegadas doutras dimensións.

En poesía principalmente abordo temas intimistas.

Cal é a maior diferenza, ao teu xuízo, entre a poesía e a novela?

J. A. S.: Na poesía é moi difícil escapar do eu, con independencia do tema que se aborde, polo que resulta complicado ter unha visión obxectiva á hora de plasmar as ideas. En novela polo contrario, si é sinxela esa abstracción. Ao manexar personaxes e dotalos de personalidade o autor debe manexar diversos planos.

Tamén no que se refire á creación pura, a poesía só precisa de ideas, palabras e armonía interna. Na novela precísase, ademáis, un desenvolvemento argumental.

Moitas das túas novelas están ambientadas en Ourense. Como definirías esta cidade?

J. A. S.: É unha cidade en moitos aspectos literaria, non tanto pola tradición que atesora, como pola súa propia configuración e as opcións que a súa realidade actual e a súa historia permiten. O que lamento é que moitas das novelas escritas con ambientación en Ourense semellan textos encorsetados en esquemas narrativos que parten de prexuízos, sobre todo no que á súa sociedade se refire. Tal como a percibo, e tal como a describo, é un lugar onde pode suceder o máis extraño, xa que o que transmite, especialmente a súa zona vella, é misterio.

Ás veces teño a sensación de que a xente da cidade, e sobre todo aqueles que forman parte desas supostas élites culturais, non son capaces de comprender e interiorizar a cidade, a súa alma, e iso fai que non sexan capaces de sacar todo o partido que a súa riqueza atesoura.

“El fin de los suescanear0002eños” é unha novela histórica, ambientada na vella Auria da Baixa Idade Media. Reflicte unha época convulsa, vista dende o punto de vista da xerarquía eclesiástica que ata daquela ostentaba un grande poder. As loitas por mantelo desenvólvense en escearios tan coñecidos para a nosa cidade como a igrexa de Santa María Nai, a catedral de Ourense ou a antiga Aira do Bispo.

Se queres consultar a novela, pregunta pola sinatura N (ES-gal) SAN fin [FL] na sala Galicia. Tamén atoparás unha copia prestable no centro de interese de Fondo Local, na primeira planta.

Advertisements