Das traballadoras da biblioteca, quitando as últimas incorporacións de 2016 (María, Julia e Marta), Isabel Caride Fraga é a fichaxe máis recente. Incorporada á biblioteca no ano 2008, pouco despois de Ángeles, xa ten, sen embargo, experiencia suficiente como para que lle fagamos unhas preguntiñas acerca das súas vivencias.

Como foi o teu primeiro día de traballo?

I. C. F.: Eu cheguei aquí e dixéronme que baixara á primeira planta. E tiven que presentarme. Dixen: “eu son a nova auxiliar que ven para aquí”. Contestáronme que me metera dentro do mostrador, e claro, eu non sabía nada. O vixiante que estaba aquí ensinoume cómo había que colocar os periódicos e atalos.

Había unha época na que no mostrador atendíase de pé. Daquelas aínda tiñades que estar de pé para atender aos usuarios?

I. C. F.: Sí, estiven de pé toda a mañá.

E cómo o levabas?

I. C. F.: Fatal. Fatal, fatal, eu iba para a casa cansadísima.

Onde traballabas antes de entrar na biblioteca?

I. C. F.: Eu era vixiante no museo arqueolóxico. Cheguei aquí por promoción interna.

Que tarefas desenvolvías como vixiante?

I. C. F.: Colliamos o teléfono, atendíamos se viña xente. No 2001 pechou a antiga sede e fomos para a Carballeira. Alí era un almacén e non se podía visitar. O que se podía visitar era a biblioteca. Había unha biblioteca especializada e era o que atendiamos: a biblioteca e o teléfono. Aínda que nós non prestabamos os libros, había un auxiliar e unha técnico, e eran eles os que deixaban os libros. Tamén pechabamos e abriamos as portas, mirabamos que todo quedaba cerrado… alí non había un vixiante xurado coma aquí. E gardabamos as noticias que saían nos xornais referentes á arqueoloxía.

Que che pareceu rematar na biblioteca?

I. C. F.: Agora estou moi contenta. Os comezos son moi difíciles. Costábame moito, co ordenador e todo. Alí eramos vixiantes e non traballabamos co ordenador.

Desde que entraches á biblioteca, que cambios máis notables se produciron?

I. C. F.: Moitísimos, comezando polas taquillas. Iso xa foi o primeiro que se produciu. Cando eu viñen para aquí, a xente non podía entrar na sala de estudo coas mochilas, entón tiñamos que recollerlle nós as bolsas ou as mochilas ou o que trouxeran. Ao final sacouse un dos ordenadores dese lado e puxéronse as taquillas, co cal a xente xa puido gardar alí as cousas na taquilla e xa non tiñamos que coller nós as bolsas. Pero houbo moitísimos problemas co das bolsas. Había xente que non quería e unha vez chamaron á policía.

Que pasou?

I. C. F.: Pedinlle a un usuario que deixara aquí a bolsa, e púxose coma un energúmeno. Díxenlle que eu cumpría ordes, e entón chamou á policía.

E a policía qué dixo?

I. C. F.: A policía pediume os meus datos, coma se eu estivera cometendo unha falcatruada, cando era ao revés. Eu díxenlle que cumpría o meu traballo, que a min me dixeran que a xente non podía pasar á sala con bolsas e que eu era o que facía. Ao final quedou así a cousa. Marcharon e punto.

Que outros cambios nos poderías comentar?

I. C. F.: Ese foi un cambio substancial para nós porque iso dábanos moitísimos problemas. E bueno, xa despois tamén houbo un cambio de programa, o cambio das sinaturas dos libros e das películas, houbo moitísimos cambios. As sinaturas cambiaron case todas. Menos algúns números, que quedaron como estaban, as demáis cambiaron, a maioría.

A biblioteca vaise trasladar a San Francisco, aínda que todavía non hai data. Faiche ilusión o cambio?

I. C. F.: A min sí, sí. Eu quero ver a biblioteca nova, a ver cómo está. Cómo nos movemos alí, cómo se traballa alí… Supoño que será moito máis cómodo. Entón a ver se antes de que me xubile podo traballar alí.

Advertisements