Nesta nova entrega musical da nosa revista imos centrarnos nun dos grupos folk máis importantes de Galicia: Mutenrohi. A súa música mestura elementos tradicionais galegos cun son céltico pero moderno, polo que se pode dicir que se atopan a medio camiño entre a tradición e a vangarda, situados nunha innovación tradicional.

Nos máis de quince anos de carreira da banda materializaron varios discos de estudo e ao vivo: ‘O mal tempo’ (1995), ‘¡Has bailar!’ (1997), ‘Mutenrohi’ (1998), ‘Cousas da lúa’ (1999), ‘Danze’ (2001), ‘Maio’ (2003), ‘E van dez’ (2005), ‘Misturados’ (2007) e ‘Sete’ (2008). E da súa cambiante formación saíron solistas dabondo recoñecidos polos melómanos galaicos como son Cristina Pato e Juan Carlos Fasero.

Ademáis, Mutenrohi conta co orgullo de ter tocado nalgúns dos festivais máis importantes do folk europeo, visitando o Guinness Irish Festival (Suiza), o Pontardawe Festival (Reino Unido), o Festival Intercéltico de Lorient (Francia) ou o Festival das Terras Celtas de Monsac (Francia); á súa vez compartiron escenario con algúns artistas e bandas de renome e talla internacional como Orion, Davy Spillane, Capercaille e Alan Parsons.

Como mostra do seu bo facer animámosvos a que lle botedes unha orella a esta ‘Viaxe’ á que nos invitaron no seu último traballo:

Se tedes curiosidade por afondar na obra deste magnífico grupo, podedes acceder a varios dos seus discos na nosa biblioteca:

¡Has bailar!’ (1997) — ‘Danze’ (2001)

Maio’ (2003) — ‘E van dez’ (2005)

Misturados’ (2007) — ‘Sete’ (2008)

Para máis información sobre Mutenrohi:

Facebook

Web

Unha vez máis, lembrámosvos que se tedes un grupo e queredes enviarnos información sobre el podedes facelo escribíndonos neste formulario. Así mesmo se tedes unha maqueta ou disco e desexades compartilo cos usuarios da nosa biblioteca só tedes que enviarnos un exemplar a Biblioteca Pública de Ourense – Rúa do Concello nº 11, 32003 Ourense, ou traela persoalmente á nosa sede sita en dita dirección.

Por Miguel Cutrín Mosteiro

Advertisements