Rafael Manzano é un artista vigués afincado en Ourense. A súa traxectoria pictórica componse de coloridos cadros abstractos en óleo sobre lenzo, que percorreron Galicia e tamén Andorra, lugar onde o pintor estivo afincado. Actualmente ten os seus cadros expostos na Sala Auriense-Café Cultural, na praza do Correxidor de Ourense.

Cando comezou a súa afición pola pintura?

R.M.: Tiven fases. No colexio xa sacaba deces en debuxo. Comecei cedo a traballar, por iso a historia da pintura quedou larvada moitos anos. Cando tiven que marcharme fora de Galicia, marchei a Andorra. Alí estiven oito anos, e volveu espertar o gusto pola pintura. Ás veces era autodidacta e pintaba na rúa. Pouco a pouco fun animándome, e como os meus cadros tiñan éxito fixen algunhas exposicións. Levo oito meses en Ourense e esta é a miña oitava exposición.

rafael-manzano

Que é o que máis lle inspira para pintar? Situacións, grupos sociais, ambientes…

R.M.: É un proceso interno. As circunstancias non me inflúen.

Sempre foi un amante da abstracción, ou pasou tamén por unha etapa figurativa?

R.M.: Na escola faciamos moito debuxo xeométrico e figurativo, pero basabámonos en copiar láminas. Nunca foi algo creativo, pero cos anos sempre me inclinei máis cara a abstracción.

A súa obra pictórica componse maiormente de óleos. Cales son as calidades deste material que lle resultan máis atractivas á hora de traballalo?

R.M.: Creo que o óleo é a nai de tódalas pinturas, aínda que é a máis cara. O que máis me chama é a intensidade da cor.

Cales son os momentos do día que prefire para traballar?

R.M.: Normalmente adoito pintar nas miñas horas libres, pola noite. Cando me ven a inspiración pódenme dar as nove da mañá e todavía sigo a pintar. É moi aleatorio. O mesmo paso un mes sen coller un pincel como paso unha semana pintando seguido.

Que opina da situación actual do mundo da arte?

whoknowsR.M.: Son moi escéptico da vida cotiá, coma se vivira desencantado do ser humano. Hai moita apariencia e pouca autenticidade. Nas salas da arte necesitas ter algún amigo ou algún tipo de mecenas, porque senón dificilmente podes chegar ás grandes salas polos teus propios medios. Para min é unha afección, mais aínda así é moi difícil. A arte en xeral está bastante desvalorizada, a non ser que sexas unha persoa con renome. Ás veces tamén ocorre que es un pintor do montón, pero sucédeche algo extraordinario e a prensa ensálzate. De súpeto, grazas a iso, a túa obra revalorízase.

Onde e ata cando podemos ver as súas obras?

R.M.: Expuxen no bar tapería Ideas, no Duque, en O Furancho e na Sala Auriense-Café Cultural, na praza do Correxidor…

Cales son os seus próximos proxectos?

R.M.: Teño unha cita pendente para expoñer na cafetería Kathedra (na rúa Ervedelo) e outra no Cercano (na rúa Valle Inclán).

Hai algo máis que che gustaría engadir?

R.M.: Levo dez meses vivindo aquí, pero gustaríame conectar con xente afín a este tipo de cousas para organizar unha exposición colectiva. Atopar xente coma min que tamén se ten que buscar a vida polos seus propios medios. A unión fai a forza. Poderiamos chamar a atención dalgún medio de comunicación para que poña de manifesto a dificultade de expoñer noutro tipo de salas por falta de apoio social.

Advertisements