¡Moitas grazas a Alberto Nóvoa pola súa colaboración!
Para máis info sobre Alberto Nóvoa, podedes ler unha entrevista súa aquí (primeira parte) e aquí (segunda parte).
∼ † ∼  † ∼  † ∼ 

Permitide que me presente: son Claustroman, fiel gardián do Convento e Claustro de San Francisco que a través dos séculos protexo  e desvelo os segredos ás boas xentes que como vós queredes e merecedes saber. Nesta ocasión non falarei dos seus marabillosos capiteis poboados de animais míticos e figuras fantásticas que constitúen verdadeiros libros de pedra no que o seu significado xace oculto baixo o ritmo das súas esculturas…

O incrible e famoso suceso que vos desvelo hoxe é o seguinte:

Ourense, 1602. No convento de San Francisco hai un frade franciscano chamado Frei Juan de Vega, que reparte diariamente riquezas entre os campesiños e todas aquelas persoas que se acheguen por ese lugar. Sempre ten moedas para todo o mundo, ¡é tanta a fama que ten que ata de Portugal se achegan para coñecer a este enigmático home!

Por ese motivo, o malvado inquisidor Don Pedro de Gamarra, acompañado do secretario Juan Alvarado Palacio e do fiel e perverso alguacil Pedro Pérez, decidiron investigar ao mencionado frade.

Sospeitaban que tiña nas súas mans o famoso libro do “Ciprianillo”, atopado nunhas antigas dependencias do convento. Tratábase dun libro prohibido, máxico, maldito e perseguido dende facía séculos. Supostamente nel atopábanse artes diabólicas e os rituais propios para atopar tesouros e marabillas ocultas e á súa vez poder facer fuxir ao demo e trasladarse polo aire dun lugar a outro.

Afortunadamente, non atoparon ningunha proba en contra do frade, pero tivo que afastarse de Ourense chegando a vivir en Santiago de Compostela.

O Ciprianillo sempre foi un libro moi difícil de conseguir, pero na biblioteca seguro que vos sorprenderedes…

Como dicía aquela linda e rítmica canción: “Todo está nos libros”

Claustroman e os seus misterios espéranvos…

∼ † ∼  † ∼  † ∼ 

 →Se che interesa saber máis do Ciprianillo e deste interesante suceso, achégate ao mostrador da biblioteca e pregunta por “El Ciprianillo : [gran libro de San Cipriano o Los tesoros del hechicero]” – sinatura [D-A ——- 23687] e “Bruxos e astrólogos da Inquisición de Galicia e o famoso libro de San Cibrán” – sinatura [27-9 BAR bru].

∼ † ∼  † ∼  † ∼

Advertisements