alonso_baran_089_pb

Alonso Barán é un escritor, filósofo e guionista nado en Madrid en 1978. Despois da súa primeira novela, “El azar no se llora”, aventúrase no terreo ensaístico para presentarnos “Librepensamiento: cómo no dejarse engañar”. Neste libro, Barán ofrécenos unha análise dos métodos do engano social para que sexamos conscientes, para que vexamos as maneiras coas que os que exercen o poder tratan de levarnos por camiños que ao mellor nós non aprobariamos de coñecelos en profundidade.

libreO ensaio xurdiu a raíz dun enfado, ao escoitar nun telediario a políticos que usaban técnicas de manipulación para influir decisivamente na opinión dos votantes. Por iso, é un libro no que se expoñen as tácticas que máis se usan hoxe en día para conseguir o apoio dalguén sen ter que contar a verdade. En verbas do propio Barán: “el cuerpo humano es indisoluble de la mente. Mente y cuerpo van unidos. Si yo engaño tu mente, consigo que tu cuerpo se someta a una realidad que puede ser penosa.”

Se existise un manual para fuxir da manipulación, poida que sexa este.

∼⊗∼⊕∼⊗∼

Despois de todo, o engano rodéanos. Uns tomates preciosos nos andeis do supermercado. Unhas pastillas que nos quitan a dor de estómago. Unhas prendas fabulosas a baixo prezo. Un coche potente que nos converterá no centro de tódalas miradas. Unha maquillaxe que nos fará lucir preciosas coma bonecas.

Ninguén nos conta que os tomates levan substancias químicas para manterse louzáns. Ninguén nos advirte de que os efectos secundarios desas pastillas poden ser peores e que a dor de estómago nos vai pasar igual. Que as prendas están fabricadas coa suor e a explotación de nenos inocentes, nunha cadea de producción contaminante. Que o coche trae gastos de gasolina, seguro, arranxos, peaxes, aparcamento; e que o aprecio das persoas que se achegarán a nós por el será interesado e fugaz. Que a maquillaxe estropeará a nosa pel e acelerará o noso avellentamento (aínda que logo aproveitarán para vendernos cremas que non quitan enrugas, pero si cartos).

∼⊗∼⊕∼⊗∼

Vivimos nun lugar no que importa o envoltorio máis que o contido. A nosa época pide que todo sexa inmediato, rápido; xa; e que non pensemos. Canto menos pensemos, menos decisións tomaremos. E as decisións que nós non tomamos, outros tómanas por nós. Quen? Quen mellor que nós para levar o timón da nosa vida?

Esperta.

Hai un montón de voces dispostas a levarnos onde elas queren sen que nos decatemos. Están en todas partes: nos telediarios, nas tendas, nos bancos… Na rúa e na túa propia casa. É hora de escoitar á túa propia voz máis que ás de fora. Tes moita máis capacidade de decisión da que manifestaches ata agora. Algo non te convence do que ves? Non o cales. Fálao. A quen sexa, onde sexa. Precisamos a túa voz.

As demais levan falando demasiado tempo.

∼⊗∼⊕∼⊗∼

Podes ler “Librepensamiento: cómo no dejarse engañar” de Alonso Barán, preguntando na sala de préstamo pola sinatura 159.9 BAR lib

Entrevista sobre o libro

Blog do autor

Facebook e twitter de Alonso Barán

Por Marta Santos García

Advertisements