O mes de xuño de 2016 foi un mes moi especial para a biblioteca. En concreto, para unha integrante do noso persoal. Por esas datas, hai 25 anos, comezaba a traballar aquí a bibliotecaria máis antiga da Biblioteca Pública de Ourense: Digna Barrio Salgado. Co gallo das súas vodas de prata coa nosa institución, decidimos entrevistala para esta revista. Coñezamos, pois, un pouco da súa extensa e variada experiencia.

Digna, por que decidiches facerte bibliotecaria?

D. B. S.: (Risas). Fíxome o destino. En ningún momento o pensei. Chamáronme para unha praza de animadora sociocultural e alí empezou a miña andaina.

Como lembras o teu primeiro día de traballo?

D. B. S.: Era finais de xuño. Foi agotador, tiña unha desorientación total. Destináronme á Sala Infantil e atopeime perdida no espazo e no tempo (risas).

Como era o persoal da biblioteca de entón?

D. B. S.: Había moi pouca xente. Eu entrei con 30 anos e eran todos moito máis maiores.

E os fondos?

D. B. S.: Daquelas había moito presuposto. Comprábase todo o que saía, e a verdade é que estaban moi actualizados. Era no ano 1991, a época das vacas gordas.

Viviches a época de facer os préstamos manualmente? Como era o proceso?

D. B. S.: Sí. Buf! Agora mesmo non entendo como chegaba a funcionar. O usuario cubría unhas fichas por cada libro que levaba: datos do libro, datos do usuario… e nós dabámoslle un resguardo da ficha e quedábamos coa matriz. Normalmente ese resguardo perdíase e cando volvía o usuario había que buscar a matriz. Hoxe en día non o entendes, pero o caso é que funcionaba. Era divertidísimo.

Que cousas cambiaron máis nestes 25 anos?

D. B. S.: Cambiou todo. Case un xiro copernicano: desde a informatización… Tanto o traballo interno como externo melloraron. Había moitísimas fichas. Tiñas que ir ao ficheiro, a ver os libros que había dunha materia determinada, logo ir á estantería e volver ás fichas. Visto agora, era un milagro que os libros apareceran. Pero aparecían. Na mesa non tiñamos información ningunha. Pero funcionaba, e o usuario saía co libro.

Lembras algunha experiencia curiosa atendendo ao público que nos poidas contar?

D. B. S.: Unha vez abrimos o luns de carnaval pola tarde, aínda que normalmente ese día non o facíamos. Así que decidimos vir disfrazadas. Eu disfraceime de bibliotecaria coa mantilla, cas gafas e co moño, como unha bibliotecaria repunante. A cara dos usuarios foi moito. Eu atendíaos normalmente. Había un que era moi habitual da biblioteca e dixo que estaba moi lograda. Pasei unha tarde divertidísima.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

D. B. S.: O meu traballo encántame. O que máis me gusta é que nunca me aburro, penso que é moi importante.

E o que máis odias?

D. B. S.: Odiar, odiar… Cánsame traballar de tardes, aínda que agora nin eso.

digna

Advertisements